O blogue da biblioteca do CPI da Ribeira

Belvís, rede socioeducativa

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega ten un novo portal en internet, Belvís, con materiais que han servirnos nas nosas clases: enlaces de interese educativo, xogos (trivial, cata palabras, a curuxa...), blgue, foros e unha aula virtual, ademais de ser unha rede social.

Esta é a presentación que fan eles do proxecto:

As redes sociais poden converterse en canles de comunicación entre escola, sociedade e familia para, deste xeito, contribuír a crear unha institución aberta, actualizada e partícipe das características da sociedade e os seus problemas. Do que se trata é de aproveitar os vínculos que  xera o uso de redes sociais para fortalecer a interacción entre as institucións educativas e o resto de axentes sociais. Desta maneira, conseguirase ofrecer unha axuda ao alumnado para coñecer as oportunidades do mundo laboral, educativo, de lecer e a desenvolver destrezas para tomar decisións de cara a organizar a propia vida profesional .

Consciente desta realidade e destas necesidades, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) pon  á disposición do profesorado, e tamén das familias, esta REDE SOCIAL que ten como obxectivos o intercambio de experiencias e de recursos e conta ademais cun  A.V.E (ambiente virtual de aprendizado).

Poñemos en marcha esta rede por varias razóns.

• A primeira porque cremos que as redes sociais poden empregarse como ferramentas de grande potencial para facilitar a aprendizaxe e a interacción social, especialmente nunha sociedade caracterizada por un constante fluxo de información onde a aprendizaxe non se basea na apropiación de coñecementos, senón nun proceso de construción do coñecemento entre o alumnado e a súa contorna nun proceso no que se aprende, como en moitos xogos tradicionais, conectando os coñecementos xa existentes mentres creamos os novos.

• En segundo lugar porque as características sociais actuais esixen un repensar o concepto de educación para o considerar un proceso polo cal a persoa adquire unha serie de competencias chave que lle van permitir adaptarse de modo flexible a un mundo que está a cambiar con rapidez e mostra múltiples interconexións. Dúas desas competencias chave xa foron destacadas polo Parlamento e o Consello Europeo. Son , en primeiro lugar, a competencia dixital, baseada no uso de computadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, así como para comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet e, en segundo lugar, a capacidade de aprender a aprender, é dicir, a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos.

• E en terceiro lugar porque é preciso ofrecer ao profesorado galego e ás familias espazos de intercambio de opinións e traballo colaborativo na nosa lingua. Como movemento de renovación pedagóxica pereceunos importante pór en marcha esta iniciativa porque non queremos permanecer á marxe do que acontece na sociedade.

Usando o Google Art Project na aula

Neste artigo de Totem Guard, 10 xeitos interesantes de usar Google Art Project nas nosas aulas (e non só nas clases de arte e plástica!).

Que non sabes que é iso de Google Art? Ven sendo un supermuseo virtual e interactivo onde podes ver obras de algúns museos de todo o mundo e achegarte a elas coma se estiveses co naris pegado ó cadro. Pincha aquí, move a roda do rato e verálo cos teus ollos.

Máis recursos para traballar a poesía

Gracias ó blogue das bibliotecas escolares galegas, temos máis recursos para compartir con vós:


Gustáronnos especialmente os xogos de Arquilabra, que potencian de xeito lúdico a competencia lingüística e a rapidez mental. Nel atoparedes greguerías, haikus, citas célebres...

80 contos do mundo

A web sobre educación e TIC educacontic.es tivo a xenial idea de xuntar 80 contos de todo o mundo para dar a volta como Fogg. Unha vez recopilados, puxéronos nun mapa de Google para todo aquel que os queira usar.
Deixámosvos o enlace ó mapa e os contos, mais o enlace á web na que presentan a idea da volta ó mundo en 80 contos.

Na biblio temos un libro que se titula tamén La vuelta al mundo en ochenta cuentos, que recolle contos tradicionais de todo o mundo; atoparédelo na exposición temporal de viaxes.

Recursos Día Mundial da Poesía

 O mércores 21 de marzo é o Día Mundial da Poesía.

Para aqueles que queiran traballar a poesía galega, Fran Alonso ten publicado unha antoloxía pensada para aqueles ós que non lles gusta a poesía: Poetízate.
Neste enlace da súa páxina tedes varios recursos (unidades didácticas, vídeos...) para traballar ese material na aula, incluíndo os seus 5 motivos para ler poesía que publicou co gallo do Día da Poesía de 2007.

 Non esquezades que este ano cúmprese o centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, e temos varios libros del na biblio. Volvemos achegar o enlace á fundación que leva o seu nome.

 Por outra banda, xa hai varias recomendacións de poesía no noso blogue. Non volas perdades!



Biografía e antoloxía de Paz Andrade

A editorial Xerais acaba de publicar un novo libro sobre Valentín Paz Andrade, a quen se lle adica o Día das Letras Galegas este ano.
Da man de Charo Portela e das ilustracións de Jaime Asensi, este libro relata de forma amena e detallada a vida de Valentín Paz Andrade. As súas actividades como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista son presentadas por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía, xunto cunha antoloxía da súa obra.


PORTELA YÁÑEZ, Charo. Valentín Paz Andrade. Biografía e antoloxía. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2012. ISBN 978-84-9914-331-6. Colección Merlín.

Bancos de imaxes académicas

Foto de Peter Morgan

Moitas veces ocorre que necesitamos unha imaxe para ilustrar algo nas nosas clases ou nos materiais que empregamos, non si? A solución fácil é acudir a Google Imaxes e buscar a ver se hai sorte. Outra opción é ir a flickr.com e realizar tamén unha búsqueda. Nos dous casos recomendamos que busquedes e usedes imaxes con licencia Creative Commons (de uso gratuito) e mencionando sempre a autoría.

Se estes dous recursos non son suficientes, neste enlace tedes unha boa selección de bancos de imaxes xa estructurados en categorías (historia, arte, lingua, CCNN, matemáticas, xeoloxía, relixión, música e bancos de imaxes xerais). Engadídeo a favoritos que paga ben a pena!



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...