O blogue da biblioteca do CPI da Ribeira

Mostrando entradas con la etiqueta materiais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta materiais. Mostrar todas las entradas

Belvís, rede socioeducativa

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega ten un novo portal en internet, Belvís, con materiais que han servirnos nas nosas clases: enlaces de interese educativo, xogos (trivial, cata palabras, a curuxa...), blgue, foros e unha aula virtual, ademais de ser unha rede social.

Esta é a presentación que fan eles do proxecto:

As redes sociais poden converterse en canles de comunicación entre escola, sociedade e familia para, deste xeito, contribuír a crear unha institución aberta, actualizada e partícipe das características da sociedade e os seus problemas. Do que se trata é de aproveitar os vínculos que  xera o uso de redes sociais para fortalecer a interacción entre as institucións educativas e o resto de axentes sociais. Desta maneira, conseguirase ofrecer unha axuda ao alumnado para coñecer as oportunidades do mundo laboral, educativo, de lecer e a desenvolver destrezas para tomar decisións de cara a organizar a propia vida profesional .

Consciente desta realidade e destas necesidades, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) pon  á disposición do profesorado, e tamén das familias, esta REDE SOCIAL que ten como obxectivos o intercambio de experiencias e de recursos e conta ademais cun  A.V.E (ambiente virtual de aprendizado).

Poñemos en marcha esta rede por varias razóns.

• A primeira porque cremos que as redes sociais poden empregarse como ferramentas de grande potencial para facilitar a aprendizaxe e a interacción social, especialmente nunha sociedade caracterizada por un constante fluxo de información onde a aprendizaxe non se basea na apropiación de coñecementos, senón nun proceso de construción do coñecemento entre o alumnado e a súa contorna nun proceso no que se aprende, como en moitos xogos tradicionais, conectando os coñecementos xa existentes mentres creamos os novos.

• En segundo lugar porque as características sociais actuais esixen un repensar o concepto de educación para o considerar un proceso polo cal a persoa adquire unha serie de competencias chave que lle van permitir adaptarse de modo flexible a un mundo que está a cambiar con rapidez e mostra múltiples interconexións. Dúas desas competencias chave xa foron destacadas polo Parlamento e o Consello Europeo. Son , en primeiro lugar, a competencia dixital, baseada no uso de computadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, así como para comunicarse e participar en redes de colaboración a través de Internet e, en segundo lugar, a capacidade de aprender a aprender, é dicir, a habilidade para iniciar a aprendizaxe e persistir nela, para organizar a súa propia aprendizaxe e xestionar o tempo e a información eficazmente, xa sexa individualmente ou en grupos.

• E en terceiro lugar porque é preciso ofrecer ao profesorado galego e ás familias espazos de intercambio de opinións e traballo colaborativo na nosa lingua. Como movemento de renovación pedagóxica pereceunos importante pór en marcha esta iniciativa porque non queremos permanecer á marxe do que acontece na sociedade.



O sindicato STEG vén de publicar, como cada ano, unidades didácticas sobre o Día Internacional da Muller:


 - unidade para secundaria
 - unidade para infantil e primaria

Por outra banda, na biblioteca estamos a traballar e a preparar unha expo sobre as mulleres no mundo da música, do mesmo xeito que o ano pasado falamos de pintoras e escultoras. Se vos interesa o tema, velaquí varios enlaces moi bos:

 - CEIP de Palmeira (Alma Mahler, Clara Schumann, Hildegard von Bingen, Mercedes Peón, Victoria de los Ángeles)

 -  Compositoras ó longo da historia (IES Gómez Quintana)

 - Varios enlaces interesantes en culturagalega.org

 - Vídeo Feminismo y música (RTVE):






Contamos tamén cunha exposición fantástica sobre Hipatia que nos trouxo a profe Mar Cuba.

O STEG ten tamén un calendario do 2012 boísimo titulado "Tempo de mulleres. Mulleres no tempo" do que vos amosamos a folla do mes de marzo:

Novo xogo na biblio

Dende xa están dispoñibles na biblioteca dous exemplares (primaria e secundaria) do xogo Graduado. É un trivial elaborado (por profesorado valencián) con preguntas sobre os temarios da educación obrigatoria. Para cada nivel hai un grupo de tarxetas distinto, polo que poderíamos xogar con rapaces de varios niveis simultaneamente.

O xogo é un clásico xogo de mesa co seu taboleiro, dados, fichas, etc. Peeeero hai tamén un taboleiro dixital gratuito que se pode descargar e instalar no ordenador para xogar todos xuntos en clase (por exemplo en catro grupos grandes). Podes descargalo e probalo aquí.

Para facervos unha idea do xogo, podedes xogar unha demo en internet.

Web do xogo con máis información.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...